O alcalde de Ourense, Gonzalo P. Jácome, lamenta profundamente a nova discriminación á cidade por parte da Universidade de Vigo

adminON
Lectura mínima de 2

“A decisión tomada é unha máis da dramática rutina á que veñen condenando a Ourense: a Xunta, o Goberno Central e agora a Universidade”, segundo o alcalde

O alcalde de Ourense, Gonzalo P. Jácome, lamenta profundamente a decisión que acaba de tomar o Consello de Goberno da Universidade de Vigo que anuncia que o máster de Enfermería se implantará só no campus de Pontevedra.

“Esta decisión, tristemente, vén a confirmar -como coloquialmente se di “ a primeira na fronte”- unha das primeiras medidas que se toman ao respecto e que veñen dar a razón aos que receabamos de que o proceso de integración acabaría facéndose contra os intereses de Ourense” , declara o alcalde.

Un capítulo máis na longa e lamentable listaxe de agravios que se veñen cometendo en favor, sempre, do Eixo Atlántico e en detrimento de Ourense: “Un día é unha decisión da Xunta favorecendo a Santiago; outro o Goberno Central, regalando unha axencia á Coruña e hoxe foi a Universidade de Vigo en favor de Pontevedra”, e engade o rexedor, “pero é a dramática rutina á que veñen condenando a Ourense tanto a Xunta, Goberno Central e Universidade”.

Gonzalo P. Jácome insiste en que fará chegar ao reitor da Uvigo, Manuel Reigosa, a súa protesta ante unha medida que rompe a suposta equidade coa que insiste o reitor se quere tratar ao Campus de Ourense.

O alcalde tamén se mostra incrédulo ante as últimas declaracións da vicerreitoría de Titulacións e Innovación docente que aseguran que é unha medida provisional: “non nos convencen as súas declaracións”, afirmou.

Comparte este artigo