O alcalde de Ourense lamenta a continua discriminación do Goberno central socialista coa cidade, excluída de novas axudas ambientais

adminON
Lectura mínima de 2

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, denunciou hoxe a nova exclusión da cidade na resolución da convocatoria estatal de fondos FEDER para proxectos ambientais, publicada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade. O proxecto “Ourense, cidade arborada”, presentado polo Concello co obxectivo de plantar 5.000 árbores, quedou relegado á lista de reserva, mentres que cidades como Vigo e A Coruña —ambas as dúas gobernadas polo PSOE— resultaron beneficiarias directas.

Pérez Jácome cualificou esta decisión como “unha mostra máis da discriminación sistemática que o Goberno central socialista exerce contra Ourense, a única gran cidade galega que non recibe estas axudas a pesar de ser a que sofre unhas condicións climáticas máis extremas e, polo tanto, maior necesidade de apoio para mellorar os seus espazos verdes”.

O rexedor criticou tamén con dureza a postura do PSOE de Ourense: “en lugar de defender os intereses da súa cidade e esixir trato xusto, prefiren convocar consellos e órganos burocráticos para distraer a atención. Os socialistas ourensáns dedícanse a atacar o seu propio Concello, mentres calan cando Madrid volve deixarnos atrás”.

Segundo o alcalde, “o Goberno central prefire enviar os fondos a cidades gobernadas polo seu partido, en lugar de atender as necesidades obxectivas dunha cidade como a nosa, castigada polo clima máis rigoroso de Galicia e que require medidas urxentes de reforestación urbana”.

O Concello de Ourense lembra que este proxecto fora avaliado positivamente e superara os criterios técnicos, pero finalmente quedou excluído do reparto de axudas. “Un novo agravio que se suma á longa listaxe de discriminacións que sofre a nosa cidade por parte dun Goberno que se enche a boca de falar de cohesión territorial, mentres condena Ourense ao esquecemento”, concluíu Pérez Jácome.

Comparte este artigo