HomeOurenseO alcalde de San Xoán de Río pide máis apoio institucional para...

O alcalde de San Xoán de Río pide máis apoio institucional para potenciar o desenvolvemento rural e  manter a lonxevidade das aldeas

- Anuncio -spot_img
  • Xosé Miguel Pérez destacou o papel do seu municipio como laboratorio de futuro para a Europa rural e explicou as iniciativas nas que participa o concello para transformar o seu envellecemento
  • No seu discurso, o popular defendeu que “a lonxevidade dos pobos rurais non debe ser un epitafio, senón o prólogo dunha nova era de oportunidades como é o caso de San Xoán de Río”

O alcalde de San Xoán de Río e deputado de Reto Demográfico na Deputación de Ourense, Xosé Miguel Pérez, interviño na presentación do Estudo sobre a percepción dos avances na España rural 2025-2025, organizado pola Cátedra de Despoboamento e Desenvolvemento Rural de Next Educación no Senado.

Durante a súa intervención, o alcalde lembrou como hai cinco anos o Wall Street Journal situou a San Xoán de Río como unha das zonas máis envellecidas de Europa, e en consecuencia os seus veciños trasladaron a súa realidade a Bruxelas para cambiar o rumbo e propoñer o seu municipio como laboratorio vivo de políticas europeas.

Defendeu no seu discurso que “a lonxevidade dos pobos rurais non debe ser un epitafio, senón o prólogo dunha nova era de oportunidades como é o caso de San Xoán de Río”.

Neste senso, Xosé Miguel Pérez expuxo varias iniciativas que continúan a transformar o seu municipio, entre as que destacou a candidatura de San Xoán de Río como a primeira Capital Rural Europea, co obxectivo de visibilizar o valor das zonas rurais ou a integración do concello na rede EU Councillors do Comité das Rexións, permitindo unha voz directa na formulación de políticas europeas.

O alcalde e deputado provincial ourensán tamén puxo o foco na importancia de participar en proxectos que axudan a dar outra imaxe ao municipio. Como é o caso de A Metamorfose do Parrulo Feo, que busca a transformación de aldeas en espazos fermosos e inclusivos, co que se converteron en candidatos aos premios da New European Bauhaus.

Tamén destacou a iniciativa Mulleres de Río, que destaca o papel das mulleres na comunidade e valeulle para optar a candidatura a Capital Europea da Inclusión e a Diversidade; e colaboración con Italia, Croacia e Romanía nun proxecto para empoderar a mozos emprendedores culturais no medio rural europeo.

Entre as últimas iniciativas, o alcalde ourensán remarcou como o concello creou a primeira Startup Village certificada de España en colaboración con A Pobra de Trives, promovendo a innovación e o talento novo nas zonas rurais; e como participou na Rede Internacional de Pobos para a Aprendizaxe, compartindo solucións aos desafíos rurais globais.

Para finalizar Xosé Miguel Pérez instou a contar cun maior apoio institucional para rexenerar as aldeas do rural. “Todo isto que conseguimos foi con recursos limitados. Imaxinen o que poderiamos acadar cun maior apoio institucional”, subliñou. “San Xoán de Río non é só un mapa envellecido, senón un referente de futuro para a Europa rural”, concluíu o popular.

Publicacións Relacionadas