O Goberno municipal entende que estes colectivos “queren evitar que o alcalde asista” ás súas celebracións
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, denunciou esta mañá a “politización” dos Magostos que organizan as asociacións veciñais da cidade xa que este ano, a diferenza dos anteriores, non están a remitir convites ao Concello para que o alcalde e a Corporación municipal asistan ás súas celebracións.
Tradicionalmente, a práctica totalidade das asociacións veciñais convidaban por estas datas o alcalde e a Corporación municipal a asistir a estes eventos festivos. Os seus convites eran recibidos na Alcaldía e remitidos aos diferentes grupos políticos municipais para que os seus representantes puidesen acudir ás convocatorias.
Porén, este ano 2022, “por primeira vez en décadas” unicamente tres das asociacións veciñais da cidade remitiron convites ao Concello, segundo detalla o Goberno municipal, que entende que “non invitan oficialmente a Corporación para evitar que o alcalde asista aos magostos, e extraoficialmente convidan a asistir a concelleiros e concelleiras da oposición, a título particular”.



