“Ourense empeza a ser un caso de éxito atípico na mobilidade europea, xa que é unha das poucas cidades, se non a única, onde tras un cambio abrupto das liñas de autobuses non houbo un desplome no número de viaxeiros, senón un aumento”, manifestou esta tarde o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras analizar as estatísticas dos primeiros días de funcionamento ordinario dos autobuses municipais coas novas liñas e as tarifas de pago habituais. No caso de onte houbo un aumento do 2,5%, detalla o rexedor.
Este incremento contrasta co caso doutras cidades europeas onde se levaron a cabo cambios drásticos de liñas como Vitoria, Madrid, Nantes, Hamburgo, Copenhague ou Barcelona por unha nova planificación das rutas, ou na cidade de Vigo (neste caso causados pola execución de obras). “Lugares onde se fixeron cambios radicais nos primeiros días tiñan unha caída do 5-10% no número de viaxeiros e era ao cabo dun tempo cando empezaban a aumentar”, explica o alcalde.
A modo de exemplo, en Vitoria o cambio de liñas do ano 2009 deu lugar a unha caída inicial do 5-7% durante o primeiro mes de funcionamento, e foi aos 4 meses cando comezou a aumentar o número de pasaxeiros.
Porén, en Ourense “ao cabo dunha semana xa temos un aumento de viaxeiros, algo que está sorprendendolle á propia empresa concesionaria e a expertos en mobilidade”, sinala o alcalde. “A partir de aquí só queda mellorar”, conclúe o rexedor.

