O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no Concello a Antonio Corredoira Alfonso, recentemente nomeado cónsul honorario de Ucraína en Galicia. No encontro analizaron a grave situación do pobo ucraíno logo de catro anos de guerra e estudaron vías para estreitar a colaboración entre a nosa cidade e o país europeo.
O cónsul manifestou o seu agradecemento polo trato e acollida que Ourense lles brindou ás persoas refuxiadas desde o inicio do conflito. Moitos retornan, explicou Corredoira, pero tamén familias con nenos estabilizáronse en Ourense logo dunha adaptación rápida.
O cónsul trasladoulle ao alcalde unha proposta de irmandamento de Ourense por parte da localidade ucraína de Truskavets. Trátase dunha cidade termal de 40.000 habitantes, cuxo alcalde xa visitara Ourense con anterioridade no marco dun congreso termal. A iniciativa busca promover a cooperación socioeconómica, encontros empresariais, accións de promoción turística mutua e colaboración no ámbito do patrimonio e da cultura, entre outras. O Concello estudará a proposta, cuxo contido é competencia do Pleno.
Finalmente, Antonio Corredoira deu conta do labor da Fundación Europeos con Ucraína, unha iniciativa en materia de cooperación e axuda humanitaria desde diferentes administracións públicas e entidades. Segundo lle expresou ao alcalde, solicitan doazóns de material amortizado que aínda sexa funcional, como vehículos de bombeiros, furgonetas ou material sanitario, que contribúan a atender as necesidades básicas da poboación na zona de conflito. O Concello valorará posibles doazóns



