O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Turismo, Noa Rouco, recibiron esta mañá no Concello a Martín Fernández, de Bágoa Gastrobar, que vén de acadar o primeiro premio no Campionato de España de Hamburguesas 2026. O rexedor felicitou o cociñeiro por este recoñecemento, que contribúe a poñer en valor a calidade da hostalaría ourensá.
O restaurador, responsable do local situado na rúa San Miguel número 7, acadou o premio cunha receita, “SaboRosa”, que aposta polo produto local. “É un pan brioche de manteiga, con carne de boi madurada 60 días que facemos á brasa, un queixo semicurado que nós afumamos, leva marmelada de panceta de porco celta e unha maionesa de allos asados á brasa”, detallou Fernández. A hamburguesa xa está incluída na carta do establecemento e, segundo o seu creador, “é un éxito de vendas”.
A traxectoria do local, que leva tres anos e medio aberto, conta xa con once premios entre certames de pinchos, tapas e outros recoñecementos nacionais. “Centrámonos no bo produto, ben tratado e pouca parafernalia”, resumiu o premiado.



