Obtivo a medalla de bronce no campionato de España infantil e un dos seus xogadores compite coas seleccións españolas Sub18 e Sub20
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o tenente de alcalde, Aníbal Pereira, e a concelleira de Xuventude, Tamara Silva, recibiron esta mañá no salón de plenos do Concello o director técnico, Álex Prada, e xogadores do Club Ourense Volei Praia, aos que felicitaron polos excelentes resultados obtidos durante a última tempada.
O club ourensán conseguiu este ano a medalla de bronce no Campionato de España infantil masculino por equipos. Ademais, varios dos seus deportistas participaron coa selección de Galicia no campionato nacional por autonomías e obtiveron a medalla de bronce. Pola súa parte, o xogador Víctor López participou coa selección española no Campionato de Europa Sub20 e próximamente disputará tamén o Europeo Sub18.
Fundado no ano 2010 co obxectivo de promover o deporte de base e a práctica do volei praia, o Club Ourense, con sede no complexo deportivo municipal de Oira, conta con equipos de todas as idades e niveis.

