O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, recibiron esta mañá no Concello a Manuel G. Rosendo, deportista ourensán do club Athlos, campión de España de parabádminton, que recentemente obtivo a medalla de bronce no Campionato de Europa da especialidade, que se desenvolveu en Turquía.
O alcalde felicitou o deportista ourensán por este novo e sensacional logro dentro da súa brillante traxectoria a nivel nacional e internacional, e animouno a seguir acadando novos éxitos deportivos no futuro.
Na competición desenvolvida en Istambul desde o 30 de setembro até o 5 de outubro, Manuel García Rosendo subiuse ao podio cunha medalla de bronce na modalidade de dobres masculinos SU5 xunto a Pablo Serrano, do CB Oviedo.
García Rosendo é o actual campión de España individual e por parellas e obtivo tamén a medalla de bronce en dobres no Parabádminton Internacional 2025 que se disputou en setembro en Lima (Perú). O deportista ourensán afronta agora o sue próximo reto: o campionato do Mundo que se desenvolverá no mes de febreiro en Baréin.