Inés Sotelo Míguez foi un dos piares da selección española de baloncesto que se proclamou campioa de Europa e bronce mundial este verán
Lucía milita no equipo da Universidade de Virginia Commonwealth e Martín debutou este ano en Primeira FEB co COB
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Xuventude, Tamara Silva, recibiron onte á tarde no salón de plenos a deportista ourensá Inés Sotelo Míguez, xogadora da selección española de baloncesto que o pasado domingo se proclamou campioa de Europa na categoría sub20, e aos seus irmáns, tamén baloncestistas de alto nivel: Lucía, xogadora da Virginia Commonwealth University da liga universitaria de Estados Unidos, e Martín, que a temporada pasada debutou en Primeira FEB co Club Ourense Baloncesto.
O alcalde felicitounos polos seus éxitos deportivos durante esta temporada. No caso de Inés, ademais, de obter o campionato de Europa, formou parte tamén da selección española que acadou o terceiro posto no Campionato do Mundo sub19 na cidade de Brno (República Checa). O alcalde felicitouna pola súa excelente tempada e animouna a volver o ano próximo con novos éxitos deportivos. Pérez Jácome puxo en valor o papel do baloncesto feminino ourensán: “estamos na elite europea”, xa que os éxitos de Inés e Lucía Sotelo Míguez súmanse aos obtidos polas tamén ourensás Raquel Carrera e Paula Ginzo, que este mesmo ano acadaron a medalla de prata do campionato de Europa absoluto de baloncesto.
Inés Sotelo Míguez, xogadora do equipo da Universidade de Michigan State, foi un dos piares das seleccións españolas sub19 e sub20 nas competicións deste verán. No caso da sub20, no europeo disputado en Matosinhos (Portugal) xogou os 7 partidos, con medias de máis de 10 puntos e 6 rebotes por encontro, cunha valoración media de eficiencia de máis de 15 puntos por xogo. Na final, a selección de España venceu á de Lituania por máis de 50 puntos de diferenza (102- 50).
O alcalde lembrou tamén que Inés, Lucía e Martín forman parte dunha familia de deportistas de elite, xa que son fillos de Julián Sotelo e de Marta Míguez, campións de España, que participaron nos xogos olímpicos na competición de lanzamento de xavelina.