Ageinco agrupa 60 empresas, colexios, universidades e centros tecnolóxicos galegos
O alcalde Gonzalo Jácome destaca o papel do sector privado: “son realmente o pulmón e a maquinaria”, asegura
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Infraestruturas e Medio Ambiente, Francisco Lorenzo, recibiron esta mañá no Concello a Marta Gallego, secretaria xeral, e Javier Sopelana, vogal, da Asociación Clúster de Empresas de Enxeñaría, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos de Galicia. Ageinco agrupa 60 entidades galegas, entre empresas, colexios profesionais de enxeñaría, universidades e centros tecnolóxicos e pertence á federación nacional de empresas de enxeñaría.
O alcalde, Gonzalo Jácome, destacou o papel do sector privado: “é un pracer recibir ao sector privado, que é realmente o pulmón e a maquinaria. Se somos un país non comunista é porque existen empresas privadas. Non se poden deixar de lado, como moita xente que enxalza o público e ás veces demoniza o privado, cando é ao revés. Para min a clave de todo é o privado. Recibímolos e seguiremos colaborando no que poidamos”, manifestou.
Pola súa banda, Marta Gallego e Javier Sopelana explicaron que o obxectivo de Ageinco é “aglutinar todo o sector, realizar networking, buscar un prezo axeitado para a enxeñaría: que se paguen ben os proxectos para poder facelos de calidade”, e amosaron a súa vontade de colaborar co Concello en diferentes ámbitos.



