Traballan na posta en marcha dun máster en Enxeñería Ambiental no país asiático, co apoio da Universidade de Vigo
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu onte á tarde no salón de plenos un grupo de investigadores e representantes de varias universidades e da Administración de Uzbekistán que durante estes días visitan a cidade de Ourense, no marco das actividades do proxecto europeo Greendt, Implementación de másteres en Enxeñería Ambiental a través da transición sostible e o cambio social, no que participa a Universidade de Vigo.
Durante a recepción institucional, o rexedor deulles a benvida á cidade, desexoulles unha feliz e proveitosa experiencia tanto no ámbito profesional como no persoal e convidounos a desfrutar durante estes días dos recursos turísticos de Ourense e dos numerosos atractivos que a cidade pon á disposición das persoas que a visitan.
O proxecto Greendt reúne un consorcio internacional multidisciplinar de institucións académicas e gobernamentais do país asiático, Portugal e España, representada pola Fundación Empresa-Universidad Gallega (Feuga) e a Universidade de Vigo.
A comitiva uzbeka, formada por unha ducia de profesionais, traballa no proxecto de implantar no país asiático un máster de enxeñería do medio ambiente. Até o día 18 de xullo participan no campus de Ourense nun ciclo de relatorios sobre enxeñaría, enerxía renovables, inclusión, sustentabilidade e problemas coa auga, a cargo de persoal docente e investigador da UVigo que participa no proxecto.