A actividade acada este ano un récord de inscricións, con case 800 nenas, nenos e adolescentes
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Xuventude, Tamara Silva, saudaron esta mañá nas escaleiras de Santa María Nai, os case 800 escolares que participan no Campamento Urbano organizado pola asociación xuvenil Amencer coa colaboración do Concello de Ourense. Esta tradicional proposta do verán da cidade oferta actividades gratuítas á rapazada ourensá entre 8 e 16 anos, desde o día 1 ao 13 de agosto. O campamento desenvolve este ano a súa edición número 38, co lema “Unha historia con futuro”.
O alcalde felicitou a asociación Amencer, o colexio Salesianos e os nenos e as nenas participantes polos excelentes resultados deste campamento, que na edición de 2025 acada un récord de inscricións, coa cifra “impresionante” de case 800 rapaces e rapazas. A estes súmanse outros 93, que participan no Campamento Urbano Xuvenil, e un total de 99 voluntarios e voluntarias que fan posible o seu desenvolvemento.
Até o día de hoxe, levaron a cabo os días da benvida, da cultura urbana, da provincia, a xuntanza, e na xornada de hoxe participan na visita ao centro histórico da cidade e realizan xogos e buscas polo centro da cidade. As actividades continuarán a semana próxima, con novas citas como o Día dos parques, o da auga e o da despedida.