Gonzalo Jácome subliña que esta medida contribuirá a “cambiar os hábitos para ben e quitar malos vicios”
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, valorou esta mañá a supresión da ORA como un paso adiante para mellorar a mobilidade local, destacando que a medida contribuirá a fomentar bos hábitos e a eliminar vicios no aparcamento. Hoxe, 2 de xaneiro, na primeira xornada laborable tras a eliminación dunha regulación que levaba 30 anos vixente na capital, o rexedor explicou que a decisión obedece a “moitas razóns”.
En primeiro lugar, Pérez Jácome argumentou que a implantación da ORA “non foi óptima no seu día e iso agravouse cos cambios de mobilidade nas cidades, xa que a xente cada vez quere rúas máis anchas e máis zonas peonís. Ourense duplicou case o espazo peonil ou de acceso restrinxido”, asegurou. Por outra banda, engadiu que existe “moitísimo tráfico de axitación, que é a xente que busca aparcar na zona ORA, polo que tampouco se conseguira a rotación de vehículos. Coas aplicacións móviles, a xente pagaba e estaba todo o día co coche aparcado”. Esta situación facía que, na práctica, o servizo “se convertera nun parking de superficie máis que nunha zona regulada con ese nome típico que buscan os buenismos burócratas”.
Preguntado sobre as expectativas tras esta medida, o alcalde manifestou que: “isto lémbrame a cando en Alemaña quitaron a economía regulada… cando preguntaron que ía pasar, dixeron: ‘realmente non o sabemos’. Pois é un pouco parecido”. O rexedor sinalou que a regulación xa carecía de lóxica, dado que “a metade de onde están as prazas agora é zona peonil de uso restrinxido, polo que tiña que caer pola súa propia necesidade”, e avanzou que “o que vai pasar agora é que paulatinamente iremos habilitando máis zonas de carga e descarga. O mundo cambiou, hai máis necesidade de reparto e o que non poden facer os coches é estar subíndose ás beirarrúas e provocar o caos. Haberá máis zonas de carga e descarga, que é fundamental, e os residentes terán onde aparcar de noite”.
Para rematar, o rexedor asegurou que a medida fomentara boas prácticas e eliminará outras malas. “Había xente que viña traballar en coche por 300 metros e aparcaba na zona ORA. Iso non pode ser. Outros menosprezaban o autobús, que é un sistema moi económico e eficiente: terán que empezar a usalo. Creo que vai cambiar os hábitos para ben e se van quitar os malos vicios”.



