A reconstrución dun muro no barrio do Pino, no lugar de Bobadela, evitará os desprendementos pola filtración de auga e a conservación dun camiño
Na estrada de Vigo estase acondicionando un tramo coa finalidade de mellorar os accesos, aparcadoiros e iluminación na zona
O Alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado de técnicos de Infraestruturas e das empresas adxudicatarias, fixo unha visita ao barrio do Pino para ver o estado das obras que se están realizando nese lugar.
No lugar de Bobadela estase reconstruíndo un muro de contención no camiño dos Cangos, danado polas filtracións de augas das leiras que sostén.
O muro, de cachotería -mampostería- de granito, era até o momento o único elemento de sustentación á vía municipal. A actuación completarase coa colocación dunha varanda de aceiro nos lugares onde o camiño carece de protección fronte ás caídas de 90cm de altura.
Dende este martes, estase levando a cabo tamén a execución da obra de acondicionamento de espazos na estrada de Vigo, entre os números 85 e 89. A actuación, neste caso, consistirá na reforma dos pavimentos, aplicando unha capa de formigón, mellorando a accesibilidade e ordenando as zonas peonís e de estacionamento.
O orzamento da actuación da reconstrución do muro ascende aos 47.918,03 euros e a de mellora na estrada de Vigo a 48.252,91 euros.