O Auditorio Municipal de Ourense acollerá esta fin de semana dous espectáculos musicais: os concertos da Wind Rock Band (que terá lugar o venres, 7, ás 20.00 horas) e o de música evanxelista xitana (o sábado, 8, ás 20.00 horas).
Wind Rock Band é unha formación integrada por alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Ourense, cun repertorio formado por temas clásicos da música rock. O Concello colabora nesta iniciativa, organizada polo Conservatorio Profesional de Ourense, que servirá para que o público ourensán poida desfrutar do talento desta agrupación, que conta con intérpretes de todas as idades e diferentes niveis formativos. A entrada será de balde, até completar a capacidade do recinto, e as entradas poderanse recoller na conserxería do Conservatorio de Música de Ourense ou no propio auditorio, unha hora antes da actuación.
O Concello de Ourense convida tamén a cidadanía a desfrutar co concerto de música evanxelista xitana que se desenvolverá o sábado, ás 20.00 horas, tamén no Auditorio. Este evento ofrecerá unha mostra do profundo arraigo cultural e espiritual da comunidade xitana a través da música, cun repertorio que combina tradición e mensaxe de fe. Será unha oportunidade única para coñecer e desfrutar dun estilo musical vibrante e cheo de emoción. Desde o Concello de Ourense seguimos apostando pola diversidade cultural e o acceso a propostas artísticas para todos os públicos, fortalecendo así a convivencia e o respecto entre comunidades. A entrada ao concerto é gratuíta, até completar a capacidade do recinto.