- O alcalde e a presidenta da asociación presentaron o evento, que terá como madriña a artista A Pedreira
- As entradas xa están á venda en Ataquilla
O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta semana a presentación da IV Gala Solidaria ‘Por Eles TEA’, que terá lugar o sábado, 18 de abril, ás 18.30 horas no Auditorio Municipal. O evento, organizado pola asociación Por Eles TEA coa colaboración do Concello, é o acto central dun mes no que a entidade organiza diferentes actividades coa finalidade de concienciar e sensibilizar a sociedade sobre o autismo. A presentación contou coa asistencia do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; a concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva; a presidenta, Eva Guzmán; a vicepresidenta, María Dolores Losada, e a vogal, Rebeca Iglesias, da asociación.
A gala “é un espectáculo musical co que buscamos achegar un pouquiño máis á sociedade ourensá a realidade das persoas autistas, explicar cales son as súas dificultades e cal é o seu día a día”, manifestou a vicepresidenta de Por Eles TEA, “e contamos cuns artistas estupendos que nos van amenizar a tarde. Agradecémolo moitísimo porque é un traballo moi grande que fan desinteresadamente: poñen todo o seu talento e o seu esforzo ao noso servizo”, asegurou.
María Dolores Losada avanzou que “temos unha madriña que este ano é A Pedreira, unha artista galega recoñecida moi sensibilizada en temas de diversidade; a presentadora volverá ser Tamara Pérez, que é unha xornalista supercoñecida, e a directora do evento é Marta Bravo, do estudo Repenica”. O programa musical e escénico contará co apoio dunha banda profesional que acompañará as distintas actuacións previstas. Tamén participará Ruth Lovera, de Vivir Signando, que adaptará algunhas das cancións á lingua de signos para facer máis accesible e inclusiva a gala.
As entradas pódense adquirir na web de Ataquilla. “Esperamos que veñan todos os ourensáns o 18 de abril ao Auditorio. Van saír contentos co espectáculo que ofrecemos e sabendo un pouquiño máis de como é a vida dunha persoa autista. Quen veña, repetirá seguro”, manifestou María Dolores Losada. Tamén existe unha fila cero para quen desexe colaborar coa asociación.
Pola súa banda, Tamara Silva subliñou que “desde o Concello estamos encantados de colaborar un ano máis con esta iniciativa. A gala xa é un clásico e queremos animar a todos a participar, a acudir como público e desfrutalo, porque o pasarán moi ben”.
Por Eles TEA aproveita a proximidade do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo para desenvolver unha programación de actividades que inclúe formacións, xornadas de concienciación en centros educativos e charlas informativas en diversos concellos da provincia, abertas ao público en xeral.



