HomeOurenseO RibeiroO Castelo de Ribadavia acolle esta noite a clausura das XXXVIII Xornadas...

O Castelo de Ribadavia acolle esta noite a clausura das XXXVIII Xornadas de Folclore coa actuación dos seis grupos participantes

- Anuncio -spot_img

Despois de dez días de percorrido pola provincia ourensá, enchendo de público os espazos de actuación, as Xornadas de Folclore pecharán esta edición do 2023 no Castelo de Ribadavia, onde as agrupacións folclóricas amosarán a tradición e a cultura dos seus países nun único pase cada unha

Música, cor, cantos e danzas que representan a seis culturas diferentes mesturaranse esta noite co patrimonio artístico único da vila ribadaviense, na última actuación das XXXVIII Xornadas de Folclore neste ano 2023. A cita será as 23, 00 horas no Auditorio do Castelo.

Durante dez días as seis agrupacións folclóricas participantes entusiasmaron ao público cos seus vistosos espectáculos. Bande, A Rúa, Celanova, O Barco, Manzaneda, O Carballiño, Trives, Allariz, Maceda, Viana do Bolo, Entrimo, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Verín e Ourense foron anfitrións perfectos para o folclore do mundo.

Esta XXXVIII edición das Xornadas, organizadas pola Deputación de Ourense a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, arrancó coa cerimonia inaugural no Teatro Principal e co triste suceso esa noite do falecemento na cidade do director do grupo sudafricano, George Ofilant.

Organización, espectadores e o resto de participantes neste evento amosaron a súa solidariedade coa agrupación folclórica Amezebra, que tomou a decisión de seguir nas Xornadas como homenaxe e lembranza ao director, coa celebración dun minuto de silencio antes das actuacións.

O grupo Bafopaz de Bolivia, o grupo tahitiano Hei Show Tahití “Ori”, os ecuatorianos de Tungurahua, os arxentinos de Bafolse, os sudafricanos de Amezebra e os compoñentes do grupo ucraíno Poltava foron este ano os responsables de invadir as rúas da provincia de historias recuperadas do folclore e da maxia do baile dende todo o mundo. As 180 persoas que conformaron o elenco artístico manifestaron a súa “gratitude” ao público ourensán “pola excelente acollida” e a organización “polo trato recibido e a atención continuada”.


Mañá, 17 de agosto: Partida

Partida dos grupos participantes nestas Xornadas de Folclore.

Publicacións Relacionadas