O colexio Irmáns Villar acollerá o vindeiro sábado, 13 de decembro, un mercado solidario, que recadará fondos de apoio á Asociación ourensá de esclerose múltiple, párkinson e enfermidades raras, Aodemper.
Co lema “O meu corpo pode fallar, pero a miña persoa non”, estará aberto ao público de 10.30 a 18.00 horas, con 25 postos de venda de diferentes produtos de artesanía, roupa, bixutería ou produtos ecolóxicos, entre outros.
Tamén haberá cantina e inchables para a rapazada e desenvolveranse dous obradoiros: un divulgativo acerca destas enfermidades e outro de manualidades. A xornada rematará cun sorteo de agasallos.
A actividade conta coa colaboración da Concellería de Educación do Concello de Ourense e numerosas entidades e empresas. A presentación tivo lugar no salón de plenos do Concello, nun acto no que participaron a concelleira de Educación, Tamara Silva; a concelleira de Mobilidade, Ana Fernández, o vicepresidente, Fernando Rodríguez, e a vogal da asociación, Sonia Cuquejo; o coordinador da actividade, Joaquín González e as colaboradoras Rina Dayana Rolong, presidenta da asociación de colombianos en Ourense, e a artesá Mariana Betancourt.



