Os padróns fiscais estarán expostos ao público no servizo de Facenda, no BOP e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello
Enviaranse 148.871 recibos e agárdase recadar un total de 28.863.359 euros
O Órgano de Xestión Tributaria do Concello de Ourense aprobou a notificación colectiva e anuncio de cobranza de padróns fiscais correspondentes ao ano 2021 dos impostos sobre Bens Inmobles de Natureza Urbana e de Características Especiais (IBIU) e sobre Bens Inmobles de Natureza Rústica (IBIUR), que estarán expostos ao público no servizo de Facenda (Rúa da Imprenta nº 2) para que os interesados poidan examinalos e presentar as reclamacións que estimen oportunas.
Establécese un período voluntario de pagamento destes tributos do 15 de maio ao 15 de xullo de 2021, que se poderá efectuar mediante ingreso en calquera oficina das entidades financeiras colaboradoras -a través dos diferentes métodos de pago existentes- empregando os recibos que se enviarán por correo ordinario aos enderezos particulares.
En caso de perda ou deterioro do recibo, o obrigado ao pagamento poderá obter ata o día 15 de xullo de 2021 un duplicado no servizo de Recadación do Concello (Rúa da Imprenta nº 2). Os contribuíntes que non recibiran no seu domicilio o recibo, poderán solicitalo no mesmo lugar e prazo que no caso anterior, e efectuar o pagamento en calquera oficina das entidades financeiras colaboradoras. O recibo, unha vez pagado o seu importe e validado polo Servizo de Recadación ou en calquera das entidades financeiras colaboradoras, constituirá xustificante de pago.
Transcorrido o prazo de ingreso voluntario, as débedas esixiranse polo procedemento executivo, engadindo os xuros de mora e/ou as custas.
No Imposto sobre Bens Inmobles, os recibos domiciliados cuxo importe sexa inferior a 3.000 € e superior a 50 €, serán obxecto de fraccionamento en dous prazos, sen esixencia de xuros de mora. O cobro do primeiro dos prazos realizarase o día 15 de xullo do presente ano e será por importe do 50 por 100 da débeda tributaria. O 50 por 100 restante realizarase en data 15 de outubro do presente ano.
O Concello enviará un total de 148.871 recibos (136.256 polo IBIU, 12.615 do IBIUR), e agarda recadar un total de 28.863.359 euros -28.816.630,05 euros virán a través do IBIU e 46.728,95 euros do IBIUR-.



