O Concello de Ourense porá en marcha o vindeiro luns, día 22 de setembro, unha nova oficina tributaria en internet, coa finalidade de facilitar e simplificar a realización por parte da veciñanza de trámites e xestións relacionados coas taxas e os impostos municipais. As persoas interesadas poderán acceder a este servizo no enderezo electrónico https://oficinatributaria.ourense.gal
Neste espazo poderán realizar de forma sinxela e rápida trámites como consultar o calendario fiscal e os períodos de pago das diferentes taxas e impostos municipais, revisar o estado dos recibos para saber cales están aboados ou pendentes e obter os correspondentes xustificantes e cartas de pagamento.
Tamén poderán ter información sobre os obxectos tributarios ao seu nome e descargar modelos de solicitudes e outros tipos de comunicacións de uso máis habitual na súa relación con esta área do Concello. Tamén será posible xerar autoliquidacións de tributos e, de ser o caso, certificados de non ter débedas pendentes co Concello. A nova oficina tamén dará a posibilidade de obter certificados do padrón municipal, tanto individuais como históricos ou coñecer o estado das multas, se as houber. Proximamente tamén permitirá pagar os tributos en liña.
A nova oficina tributaria agrupa nunha nova interface algúns servizos que antes xa estaban dispoñibles de forma máis dispersa na sede electrónica do Concello e incorpora novas funcionalidades. Quen acceda ás anteriores ligazóns será redirixido automaticamente á nova oficina tributaria.

