A Xunta de Goberno Local dá luz verde ás tarifas bonificadas para o vindeiro ano, no marco das axudas do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, na súa sesión ordinaria deste semana, aprobou os novos prezos bonificados para as viaxes no servizo de autobuses urbanos con Tarxeta Milenio que estarán vixentes durante todo o ano 2026 (do 1 de xaneiro ao 31 de decembro).
Segundo o acordo adoptado, o prezo por viaxe para as persoas usuarias da Tarxeta Milenio de estudantes será 0,21 euros, o que supón unha bonificación do 51,16%. Pola súa banda, as persoas titulares da Tarxeta Milenio ordinaria pagarán 0,49 euros por viaxe, cun desconto do 20,96%. O resto de abonos ou títulos multiviaxe existentes non se inclúen nesta medida ao estar xa bonificados ao 100% pola Ordenanza Fiscal vixente.
Ademais, as viaxes serán gratuítas para a poboación infantil, ata os 14 anos, durante todo o ano. Poderán beneficiarse desta medida os nenos e as nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2026. Para acreditar o cumprimento desta condición e acceder á bonificación do 100%, será necesario presentar o documento nacional de identidade (DNI).
Estes descontos están financiados polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. A Xunta de Goberno tamén autorizou á Alcaldía para solicitar formalmente estas axudas directas ao transporte terrestre, previstas no Real Decreto-lei 17/2025, de 23 de decembro, que promove o uso do transporte público mediante a bonificación de abonos.
O Concello dará traslado deste acordo á empresa concesionaria, Autobuses Urbanos de Ourense S.L., para que proceda á aplicación inmediata dos novos prezos a partir do día 1 de xaneiro.
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración entre o Concello e Down Ourense para financiar o acondicionamento do inmoble no que presta os servizos a entidade, cunha achega económica municipal de 50.000 euros; e a concesión definitiva dunha subvención de 25.000 euros para as obras de rehabilitación dun inmoble na rúa Hernán Cortés, na área de rehabilitación urbana do centro histórico da cidade.



