A Xunta de Goberno Local aproba o convenio con Cáritas polo que o Concello destinará 250.000 euros ao servizo de comedor social, e outros 2 convenios coa Asociación Por Eles TEA e Afaor
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión desta mañá o expediente para contratar a reparación e restauración da locomotora da Ponte, emprazada na rúa Xesús Pousa, á que destinará un investimento de 142.000 euros. Na mesma sesión, acordou adxudicar as obras de instalación dun sistema de elevación vertical na Cruz Alta, desde a rúa Xoán de Nóvoa ata Nuno de Ousende, ao que destinará un investimento de máis dun millón de euros. Na mesma reunión, aprobou os convenios de colaboración que asinará o Concello con 3 asociacións que desenvolven o seu labor no eido social. Entre eles, o que dará apoio ao comedor social de Cáritas, ao que se destinará unha achega de 250.000 euros.
O alcalde, Gonzalo Jácome, destacou a licitación para a reparación e restauración da vella locomotora situadas nas proximidades da estación de tren da cidade, “un expediente que iniciou este grupo de goberno hai case xa un ano e que requiriu previamente redactar un proxecto técnico de certa complexidade, e realizar os expedientes administrativos para dotar as partidas económicas. Está todo listo para licitar, adxudicar e, se todo sae ben, as obras poderían comezar no mes de abril de 2023”. Para acometer este proxecto, foi preciso tamén acadar a cesión de uso da locomotora, por parte da Fundación Ferocarriles Españoles, e o seu informe favorable á memoria do proxecto que se vai executar.
O alcalde subliñou que esta intervención “foi unha iniciativa impulsada polo noso grupo de goberno, foi iniciativa nosa, en contra de cantidade de información adulterada que se lles está dando aos veciños, porque realmente é este grupo de goberno o que iniciou hai meses este expediente e o que vai conseguir que se repare”, cun orzamento de 142.000 euros “moi importante, que temos mobilizado”.
O rexedor destacou tamén os convenios con entidades sociais “que marcan realmente a nosa traxectoria neste tema”, destacando o que asinará o Concello con Cáritas para o servizo de comedor social. Estará dotado cunha achega municipal dun cuarto de millón de euros “unha cantidade que xa se dotou o ano pasado e que foi este grupo de goberno quen a impulsou porque antes se lle estaba dando a Cáritas menos de 100.00 euros ao ano. Nós quintuplicamos esa partida, demostrando como estamos poñendo recursos no social máis que ningún grupo de goberno nas últimas décadas”.
Na sesión de hoxe tratáronse un total de 18 asuntos presentados polos diferentes servizos municipais
Licenzas (3)
Conceder unha licenza para as obras de instalación dun ascensor nun edificio de vivendas na rúa Monte Seixo.
Conceder unha licenza de obra para mellorar as condicións de accesibilidade mediante a substitución do ascensor nun edificio na Praza da Chave.
Denegar unha licenza de obra e cambio de uso de local a garaxe familiar, no baixo dun inmoble na rúa Río Támega.
Aperturas (1)
Conceder unha licenza urbanística de segregación dun baixo na Avenida das Caldas.
Patrimonio (2)
Desestimar dúas reclamacións de responsabilidade patrimonial presentadas por particulares por lesións sufridas como consecuencia de caídas nas rúas do Paseo e do Progreso, por non concorrer os requisitos legais que dan dereito a unha indemnización
Contratación (2)
Adxudicar a Proyecon Galicia SA o contrato das obras do proxecto de instalación de elevación vertical na Cruz Alta de Ourense — Xoán de Nóvoa desde Nuno de Ousende, de acordo co proxecto e o prego de cláusulas administrativas particulares aprobados por acordo da Xunta de Goberno Local e as ofertas presentadas, por resultar a oferta coa mellor relación calidade-prezo, por un total de 1.039.250,85 euros, IVE engadido.
Aprobar o expediente para contratar o servizo de reparación da locomotora 240-2072, tipo Mastodonte, para a súa exposición na rúa Xesús Pousa, no barrio da Ponte, polo importe de 142.640,38 euros. Tamén se dispón a apertura do procedemento de adxudicación, mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria.
Persoal e recursos humanos (1)
Ratificación, con efectos de remisión ao rexistro e depósito de convenios colectivos e acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, do Acordo regulador das condicións de traballo dos empregados públicos do Concello de Ourense e do Consello Municipal de Deportes sobre a xornada especial dos funcionarios do Corpo de Policía Local que prestan servizo de patrullas. Ratifícase o acordo aprobado na Xunta de Goberno do 2 de maio de 2022, e remítese ao dito rexistro
Servizos xerais (1)
Aprobar unha conta xustificativa de gastos desta concellería
Educación (1)
Aprobar as bases e a convocatoria do certame de debuxo da postal de Nadal 2022, e aprobar o gasto derivado do certame por un importe total de 600€.
Asuntos sociais (3)
Aprobar o convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Asociación Por Eles TEA Ourense, para financiar o proxecto de servizo de ocio e tempo de lecer para nenas e nenos con TEA e dificultades de interacción social. Tamén se aproba o gasto, polo importe de 6.400,00€
Aprobar o convenio de colaboración e patrocinio entre o Concello de Ourense e a Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias de Ourense (AFAOR) para o financiamento dos “Obradoiros de estimulación cognitiva” e de “Axudas Técnicas” para enfermos de alzhéimer e outras demencias de Ourense, de acordo coa subvención nominativa recollida no vixente orzamento municipal. Tamén se aproba o gasto polo importe de 35.000 €
Aprobar o convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e Cáritas Diocesana de Ourense para financiar o proxecto do comedor social. Tamén se aproba o gasto polo importe de 250.000,00 €
Avogacía Consistorial (3)
A Xunta de Goberno local deu conta dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que estima o recurso de apelación interposto polo Concello e revoga a sentenza anterior do Xulgado Contencioso Administrativo número 1 no procedemento ordinario 235/2020. Unha empresa esixíalle ao Concello a execución do viario incluído no proxecto de urbanización da AR-26-O. O Contencioso estimou o seu recurso en primeira instancia e agora o TSXG estima o recurso do concello e revoga a sentencia anterior. A xunta local tamén deu conta de dúas sentenzas en materia de publicidade institucional: Unha do Contencioso Administrativo número 2 que estima o recurso presentado por unha empresa e outra do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestima o recurso da mesma empresa e confirma a sentenza anterior do Xulgado do Contencioso número 1 que desestimara o seu recurso.



