HomeOurenseO Concello aproba o expediente para contratar as obras de acondicionamento e...

O Concello aproba o expediente para contratar as obras de acondicionamento e mellora da accesibilidade na praza da Lexión, cun orzamento de 917.000 euros

- Anuncio -spot_img

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión ordinaria desta semana o expediente para contratar as obras do proxecto de acondicionamento e mellora da accesibilidade na praza da Lexión. O proxecto ten un orzamento de licitación de 917.488,90 euros para a posta en valor deste sobranceiro espazo de lecer do barrio da Carballeira.

Para mellorar a accesibilidade, realizarase un itinerario peonil perimetral accesible de unión das dúas zonas da praza, cun pavimento terrizo continuo natural, e suprimiranse todos os chanzos existentes. Renovarase o valado das zonas de xogos infantís, deixando libre a de xogos biosaudables e o paseo perimetral para facilitar a integración do exterior co propio parque. Tamén se ampliará a superficie da praza, onde actualmente está situada a fonte decorativa.

Instalaranse novos xogos infantís, incorporando xogos inclusivos, nun recinto valado con pavimento de caucho de protección fronte ás caídas. Haberá tamén unha zona de xogos para as persoas maiores. Recolocaranse e renovaranse parte dos biosaudables e acondicionarase unha pista regulamentaria de petanca, que foi solicitada pola veciñanza. Tamén se renovará a iluminación con novos farois con tecnoloxía LED.

Outros acordos da Xunta de Goberno Local
Na sesión, que tivo lugar a mediodía no salón de plenos, aprobáronse 40 acordos.

Licenzas (6). Concedeu as licenzas para a instalación de ascensores en edificios das rúas Manuel Pereira, Antonio Jaunsarás, Valle Inclán e Praza da Lexión; unha prórroga para iniciar as obras de reforma dun portal na rúa Xoán XXIII e estimou unha solicitude de declaración de innecesariedade de licenza de segregación dunha parcela.

Aperturas (5). Concedeu a licenza de obra para a construción dun hotel de dúas estrelas na rúa Alfonso Rodríguez Castelao, que contará con 18 habitacións individuais e 32 dobres, e unha ocupación de 172 persoas. Deuse por decatada do cambio de titularidade dunha licenza de obra, inadmitiu unha petición de revisión dunha actuación comunicada e denegou dúas solicitudes de títulos habilitantes de natureza urbanística.

Patrimonio (2). Resolveu dúas reclamacións de responsabilidade patrimonial (unha desestimación e unha desistencia)

Infraestruturas (1). Autorizou o inicio do procedemento para a modificación do contrato e a continuación provisional das obras do proxecto básico e de execución de rehabilitación integral do xardín do Posío e proxección de local destinado á actividade hostaleira.

Contratación (4). Aprobou catro expedientes de contratación:

  • das obras do “proxecto de acondicionamento e mellora da accesibilidade na praza da Lexión”, cun orzamento de licitación de 917.488,90 €
  • das obras do proxecto básico e de execución do novo cinseiro común no cemiterio municipal de Santa Mariña, cun orzamento de 169.152,40 €
  • do servizo de vixilancia da saúde e outras actividades médicas e preventivas do Concello, por importe de 105.011,73 €
  • o servizo de redacción do proxecto de demolición e reconstrución dun edificio na Avenida das Caldas, por 82.947,96 €

Asuntos sociais (3). Aprobou o convenio de colaboración entre o Concello o Banco de Alimentos de Ourense, para o proxecto de reparto de alimentos, froitas e hortalizas en Ourense (por importe de 15.000 euros), e dous convenios coa asociación de enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor) para o proxecto de obradoiros de estimulación cognitiva e axudas técnicas para enfermos de alzhéimer, por importes de 25.000 e 35.000 euros

Comercio (1). Aprobou dispoñer o gasto e recoñecer a obriga derivada da certificación número 53 das obras do modificado do Proxecto básico e de execución da reforma e rehabilitación da Praza de Abastos número 1.

Facenda (1). Acordou validar da omisión da función interventora nun expediente de reembolso.

Persoal e recursos humanos (10). Dez expedientes de validación da omisión da función interventora e do gasto en atribucións temporais das funcións de varios postos.

Avogacía consistorial (7). Deu conta dunha sentenza do Xulgado do Contencioso – Administrativo número 2 e dunha providencia do Tribunal Supremo. Tamén foi informada de que o Concello deberá comparecer diante dos xulgados do Contencioso – Administrativo número 1 e 2 e do Social número 2 en 4 procedementos e diante do Xulgado de Instrución número 2 nunhas dilixencias previas.

Publicacións Relacionadas