O Concello aproba o expediente para contratar as obras de rehabilitación dun edificio na Praza da Trindade para servizos municipais

adminON
Lectura mínima de 4

O inmoble será sede da Oficina de Rehabilitación

O proxecto está financiado parcialmente pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Recuperación Next Generation EU, ao abeiro do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP)

A Xunta de Goberno Local aprobou 22 acordos na súa sesión de hoxe

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión ordinaria desta semana o expediente para contratar as obras do proxecto de rehabilitación dun edificio na Praza da Trindade, que será acondicionado como nova sede da oficina de rehabilitación. O proxecto, cun orzamento de 962.497,21 euros, está financiado parcialmente pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Recuperación 15 Next Generation EU, ao abeiro do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP).

Na mesma reunión, que tivo lugar este mediodía no salón de plenos, a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria pública para seleccionar os proxectos que se incluirán na programación de actividades para nenas e nenos dos centros cívicos. A sesión incluíu un total de 22 asuntos:

Contratación (5). A Xunta Local aprobou o expediente para contratar as obras do proxecto de execución de rehabilitación do edificio emprazado na Praza da Trindade, número 5, que será acondicionado como nova sede da Oficina de Rehabilitación do conxunto histórico da cidade. No mesmo acordo, o Concello abre o procedemento de adxudicación das obras.

O proxecto ten un orzamento de licitación de 962.497,21 euros, e está financiado parcialmente pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Recuperación Next Generation EU, ao abeiro do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), Orde do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana TMA/178/2022, do 28 de febreiro.

Tamén a proposta do servizo de Contratación, a Xunta Local aprobou senllas prórrogas, por 1 ano, dos lotes 3 e 4 do contrato do servizo de mantemento do equipamento do centro de proceso de datos do Concello, e do contrato do servizo de mantemento e subministración de consumibles nos equipos de impresión de grande tirada de copias. Tamén aprobou unha rectificación nun acordo dunha xunta de goberno anterior.

Patrimonio (5). O Concello requiriralles a 4 compañías aseguradoras que paguen outras tantas indemnizacións polos danos ocasionados por vehículos en sinais na rúa Iglesias Alvariño, nunha árbore na rúa Pena Trevinca, nunha glorieta en Marcelo Macías e nunha columna no Xardín do Posío. Noutro expediente, acórdase considerar unha particular desistida dunha reclamación de responsabilidade patrimonial

Infraestruturas (2) Recoñécense as obrigas de pagamento de 3 certificacións de obra

Asuntos Sociais (1). Aproba as bases reguladoras que rexerán a convocatoria pública para a selección de proxectos para a súa inclusión no Programa de actividades dos centros cívicos para nenas e nenos do Concello de Ourense, para o período 2024-2025.

Avogacía Consistorial (9) A Xunta de Goberno Local deu conta de 2 autos e de 2 sentenzas do Xulgado do Contencioso – Administrativo número 1 de Ourense, de 2 sentenzas do Xulgado do Contencioso – Administrativo número 2, e dun auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ademais, o Concello comparecerá diante dos xulgados do contencioso número 1 e 2 en senllos procedementos abreviados.

Comparte este artigo