A Xunta de Goberno Local dará tamén o visto e prace á próxima licitación do proxecto de mellora e humanización da Lonia
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobará na súa sesión ordinaria desta semana o expediente para contratar as obras do proxecto de rehabilitación da pasarela do Vao, cun orzamento de licitación de 768.345,70 euros, IVE engadido.
Na mesma sesión, que se desenvolverá mañá, xoves, 11 de decembro, ás 13.30 horas, no salón de plenos, prevé tamén dar o visto e prace ao expediente para contratar as obras do proxecto de mellora, acondicionamento e humanización do núcleo da Lonia, cun orzamento de licitación de 852.821,00 €. Ademais destes dous expedientes, a Xunta de Goberno Local de mañá tratará outros 21 asuntos.
Licenzas (6). Resolverá as solicitudes de licenzas para a demolición dun inmoble na rúa Canella Cega; a rehabilitación e ampliación dunha vivenda unifamiliar na rúa Outeiro (Cudeiro); a reconstrución parcial de muros de cachotería nun peche existente no Lugar de Casanova (Santa Cruz de Arrabaldo) e a instalación de ascensor nun edificio na rúa Araceli Ancochea. Tamén dará conta cunha solicitude de declaración de innecesariedade de licenza de segregación dunha parcela, e do recurso interposto por unha sociedade á que se lle denegou unha licenza de obras.
Turismo e Termalismo (1). Aprobar o pagamento dos premios do 22ª edición do Concurso de Pinchos de Ourense 2025
Recursos humanos (3). Tres expedientes de validación da omisión da función interventora e do gasto para o aboamento de retribucións correspondentes a atribucións temporais de funcións de varios postos
Patrimonio (4). Catro reclamacións de responsabilidade patrimonial.
Avogacía consistorial (5). Dará conta de 3 sentenzas, ditadas polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense, o Contencioso número 1 de Vigo e o Penal número 1 de Ourense; e dun auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Tamén será informada de que o Concello deberá comparecer diante do Xulgado do Contencioso – Administrativo número 2 de Ourense nun procedemento abreviado.



