O Concello de Ourense axustará desde o vindeiro luns, 7 de xullo, os horarios da liña número 7 do servizo de autobuses urbanos Covadonga – A Valenzá para garantir a “puntualidade británica” nos seus itinerarios. Así o avanzou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen explicou que con esta medida se pretende conseguir que os horarios das liñas sexan “reais” e as persoas usuarias teñan garantida a puntualidade dos servizos. Así, desde o día de hoxe, luns, 30 de xuño, axustáronse os horarios das liñas de autobuses urbanos número 1: Seixalbo – Quintela / Seixalbo – Santa Cruz, 3: Rairo – Quintela, e 33: Quintela – O Cumial, para garantir a puntualidade das súas rutas. Previamente, fíxose un axuste similar coas liñas número 6 e 5.
“Hoxe empezaron a corrixirse uns horarios que non se cumprían porque estaban mal dimensionados, e agora estanse axustando á realidade. O mesmo ocorre coa liña número 7: ten uns horarios que non se están cumprindo sempre e temos que poñer uns horarios reais para que realmente se cumpran”, detalla o rexedor: “máis que adecuar o autobús a un novo horario, é o horario o que se vai adecuar ao tempo que realmente tarda o autobús porque, se non, chegará tarde sempre”. Con este axuste da liña número 7, máis os xa efectuados nas liñas 1, 3, 33, 5 e 6 “teremos moitas liñas con puntualidade británica”, asegura o alcalde.