As viaxes serán gratuítas durante esta celebración para promocionar o transporte público na cidade
O cambio de liñas afectará a máis dun 80% da actual configuración
O Concello de Ourense cambiará tanto o mapa como os horarios das liñas do servizo municipal de autobuses a finais deste verán. Será coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, que comezará o martes, día 16 de setembro, segundo avanzou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
O rexedor ourensán adiantou tamén que, do mesmo xeito que o ano pasado, o autobús urbano será gratuíto durante a Semana da Mobilidade para promocionar o uso do transporte público na cidade, logo de que o ano pasado se incrementase en máis dun 10% durante a promoción realizada polo Concello nesta mesma semana conmemorativa.
Gonzalo Jácome detallou que o cambio de liñas afectará a máis dun 80% da actual configuración. Tamén explicou que será provisional, xa que para implantar a liña circular haberá que esperar a que queden libres ou se flúa con rapidez por vías actualmente en obras, como é o caso da Avenida de Portugal ou da Avenida de Marín.
O Concello utilizará o mesmo número de autobuses de forma simultánea ca na actualidade, arredor de 38 vehículos en rúa, que son os que se contemplan no orzamento do contrato licitado polo Concello para determinar a futura nova empresa adxudicataria do servizo, concesionaria pendente de coñecer xa que está en proceso de avaliación de ofertas. Pero a pesar de dispoñer dos mesmos recursos, ao redor de 10 millóns de euros, o servizo mellorará cunha nova configuración de liñas e de horarios, coa finalidade de evitar redundancias e certos desequilibrios sen sentido.