Un total de 28 maios estarán expostos ao longo da rúa do Paseo, Padre Feijoo e Lamas Carvajal
O alcalde destacou o impulso do Concello en premios para esta festa tradicional que volve ás rúas da cidade tras dous anos de parón
O Concello de Ourense celebrará este domingo unha nova edición da Festa dos Maios, con xogos populares, exposicións de maios, canto de coplas, ruada e un concerto a cargo do grupo Treixadura. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, presentou esta mañá a programación de actividades que organiza a área de Artes e Festexos para esta cita, declarada festa de interese turístico de Galicia.
11.00 a 14.00 horas. Xogos populares nos Xardíns Padre Feijoo.
11.00 horas. Exposición de Maios pola rúa do Paseo, Padre Feijoo e Lamas Carvajal.
12.00 horas. Canto de coplas ao pé do Maio diante do xurado. Ruada cos cabezudos e música tradicional.
18.30 horas. Entrega de premios co canto das mellores coplas e a continuación concerto de Treixadura, un dos mellores grupos de música tracional galega. Será Praza Maior (comezará sobre as 19.30 aproximadamente).
Hai un total de 28 maios participantes, que se agrupan en 10 tradicionais, 7 artísticos, 4 creativos e 7 infantís.
Celebrada o primeiro domingo do mes de maio, esta festa anuncia o esplendor das flores e a despedida do cru inverno. De orixe incerta, o rito celébrase desde tempos moi remotos en varios lugares de Galicia, aínda que en Ourense ten unha carácter destacado e singular. Desde as 11:00 da mañá, as esculturas vexetais realizadas a man con musgo, flores e carrabouxos ocuparán toda a rúa do Paseo exhibindo as súas formas, tradicionais (piramidais) ou artísticas. Estas figuras ou maios estarán acompañados sempre do canto das coplas: versos satíricos sobre a actualidade política e social que a tradición manda vender a cambio dun aguinaldo.
Xa desde o mediodía, un desfile de cabezudos acompañados con música de gaiteiros amenizará a xornada festiva mentres os xurados valoran aos participantes (repartiranse 15.000 € en premios), que se prolongará pola tarde coa entrega de premios e o canto das coplas finalistas nos Xardíns de Padre Feijoo ás 18:30 e unha actuación do grupo de música tradicional, Treixadura ás 19:00 a continuación.
Treixadura, máis de 30 anos da mellor música tradicional
Treixadura constitúe dende 1990, un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita. Un tempo no que o grupo foi modelando o seu camiño transformando o estilo, sen renunciar ao seu son característico. Fieis ao compromiso co seu público, tentando elevar a música tradicional ao máximo nivel.
Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de enlazar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.
25 anos de gravacións e concertos, 6 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas e vida en común, compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.