O tenente de alcalde, Armando Ojea participou no acto final do proxecto
O tenente de alcalde, Armando Ojea, participou esta mañá no acto final do proxecto europeo Ecoval, no que colaborou o Concello de Ourense. Ecoval (Estratexias de coordinación de xestión e valorización de lodos e residuos orgánicos na rexión SUDOE), é un proxecto Interreg Sudoe que propón un novo enfoque para a xestión de residuos orgánicos urbanos que repercuta nun menor impacto ambiental e impulse a economía circular, grazas á conversión de residuos en recursos, cun orzamento de 1,5 millóns de euros.
“O proxecto resolve un dobre problema: reducir o impacto dos residuos e converter estes en recursos que se poidan incorporar de novo á economía e xerar novas rendibilidades”, manifestou o tenente de alcade, quen interviu na apertura do acto, xunto co director xeral de Viaqua, Iván José Vicente. Co lema “Cara a unha xestión circular de biorresiduos urbanos e lodos da depuradora”, esta actividade final do proxecto desenvólvese esta mañá no edificio da Obra Social de Abanca na Avenida de Pontevedra e, pola tarde, na biofactoría de Ourense, que alberga a planta piloto do proxecto.



