“Temos cedido en decenas de parámetros, pero entendemos que hai un punto onde xa se comezaría a danar o interese xeral, e dese punto non podemos pasar”, argumenta o goberno municipal
O Concello de Ourense comunicoulles esta mañá por escrito á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e á Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos número 1 de Ourense “a vontade de concluír sen acordo o proceso de negociación”, en relación ao mercado municipal “por non ter podido consensuar entre as tres partes”.
O grupo de goberno do Concello argumenta ao respecto que “temos cedido en decenas de parámetros, pero entendemos que hai un punto onde xa se comezaría a danar o interese xeral da cidade de Ourense e do seu patrimonio, e dese punto non podemos pasar”. Ao mesmo tempo, o goberno municipal entende que as “liñas vermellas e as esixencias que marca a asociación de comerciantes son inasumibles”.

