- A xunta de goberno local deu conta esta mañá de 25 asuntos presentados polas diferentes áreas municipais
A xunta de goberno local do Concello de Ourense acordou na súa xuntanza desta mañá concederlle á Universidade de Vigo a licenza urbanística de obra para o proxecto básico e de execución para a ampliación do edificio Campus da Agua, o no Campus Universitario de Ourense. O proxecto foi redactado polos arquitectos Pedro Diéguez e Alfredo Freixedo, que asumen a dirección das obras, que teñen un orzamento de execución material de 546.218,00 euros. Na mesma sesión, a xunta local deu conta dun total de 25 asuntos presentados polas diferentes áreas municipais.
RESUMO DE ACORDOS
Servizo de licenzas (6)
Ademais do Campus da Auga, a xunta local concedeu licenzas de obra para o proxecto de acondicionamento interior dunha vivenda na rúa Parque de San Lázaro, cun orzamento de 60.733,53€, para instalar un ascensor nun edificio de vivendas da rúa dos Remedios, (43.739,50€), e para modernizar o ascensor dun edificio na rúa Greco, (15.800€). Tamén estimou a solicitude de dúas particulares sobre declaración de innecesariedade de segregación de varias parcelas na rúa da Merca e corrixiu de oficio un acordo anterior relativo á licenza para a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Cudeiro, no senso de trocar o importe do orzamento de execución material (213.660€).
Servizo de Planeamento, Xestión Urbanística e Patrimonio (8)
Acordou requirir a varios condutores para que lle abonen ao Concello de Ourense indemnizacións por danos causados cos seus vehículos a diferentes bens de titulariedade municipal. Concretamente, 143,81 € por danos nun sinal vertical na glorieta Nexus; 2.821,40€ por danos na beirarrúa e nunha xardineira na Praza de Eduardo Barreiros;1.441,38 € por danos nun farol do alumeado público na Avenida de Otero Pedrayo; 228,24 € nun sinal vertical situado na Avenida de Pontevedra. Tamén corrixe un acordo anterior e require a outro condutor 837,71€ de indemnización polos danos causados co seu vehículo nun farol do alumeado público na rúa do Doutor Marañón.
Considera a unha veciña desistida da súa solicitude de reclamación de responsabilidade patrimonial por lesións sufridas por unha caída na rúa San Francisco e desestimar as reclamacións de responsabilidade patrimonial presentadas por unha particular por danos causados por unha caída na rúa do Paseo, e por outro por danos causados no seu vehículo, xa que non concorrían os requisitos legais que xustifican o dereito a unha indemnización.
Alcaldía (1)
Aprobar e dispoñer o gasto a favor das empresas adxudicatarias dos contrato de redacción dos proxectos de:
Humanización da avenida de Portugal: Urbing Proyectos de Urbanismo e Ingeniería Civil SL, por un prezo de 60.282,20€, IVE incluído.
Humanización da rúa de Bonhome: Sertogal SL, 22.869€
Re reforma da rúa do Doutor Fleming: Sertogal, 20.509,50 €,
Nos tres casos, os traballos adxudícanse ás empresas que presentaron a proposición economicamente máis vantaxosa para o Concello, de acordo co proxecto técnico, o prego de cláusulas administrativas particulares e a oferta que lle realizaron ao Concello.
Servizo de Contratación (1)
Acordar a segunda prórroga do contrato do seguro de responsabilidade civil/patrimonial do Concello de Ourense, adxudicado a Segurcaixa Adeslas Sociedad Anónima de Seguros y Reaseguros. O prazo é 1 ano, desde o 31 de maio de 2022 até o 30 de maio de 2023, ambos incluídos e o prezo total é 154.979 €
Infraestruturas (1)
Modificar un acordo da Xunta de Goberno de 14.10.2021 corrixindo a aplicación orzamentaria contra a que se fará o pagamento do proxecto de acondicionamento viario dende a OU-506 ate o cemiterio de Velle.
Oficialía Maior (1)
Corrixir un erro de transcrición no texto sometido á aprobación da Xunta de Goberno Local do 18.11.2021, relativo a delegación de competencias da xunta de goberno local. O erro consistía na a inclusión das competencias de comercio na área de Servizos Xerais, polo que se aproba hoxe incluíndoas na área correspondente, que é a de Promoción Económica.
Avogacía Consistorial (7)
Deu conta de que o Concello foi emprazado para comparecer diante do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1, en 3 procedementos. No primeiro, varios particulares reclaman devolución de ingresos relativos á liquidación do imposto sobre incremento de valor dos terreos de natureza urbana; no segundo, 3 particulares solicitan a rectificación dunha liquidación deste mesmo tributo; e no terceiro caso, unha particular recorre unha sanción tributaria.
Tamén deu conta da sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de A Coruña, nun recurso de apelación promovido pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.
O litixio ten a súa orixe nunha providencia de apremio coa que o Concello de Ourense lle reclamaba á Xunta o pagamento de dous recibos do IBI e outras débedas relativas ao imposto de vehículos e multas. A sentenza estima parcialmente o recurso e anula a providencia de apremio unicamente respecto aos dous recibos de IBI (por importe total de 4.344€), e considera conforme a dereito a providencia respecto aos demais conceptos. No caso dos recibos do IBI, o propio Concello, por acordo do Tribunal Económico Administrativo, entendeu que non procedía reclamalo e anulou as liquidacións
Finalmente, deu conta da sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense, no Procedemento Abreviado interposto por un traballador municipal que reclamaba unha axuda para gastos de odontoloxía e oftalmoloxía. A sentenza desestima o recurso porque o actor non reunía os requisitos necesarios para ter dereito á axuda.