O Concello de Ourense dará apoio a actividades organizadas polas asociacións veciñais da cidade coa concesión de 40 axudas por un importe total de 27.090,74 euros. O concelleiro de Participación Cidadá, Antonio Fernández, asinou esta mañá o decreto no que acorda a concesión das axudas, con cargo á convocatoria realizada polo Concello para conceder subvencións ás asociacións veciñais para o funcionamento e a realización de programas ou actividades a favor do asociacionismio municipal e a participación cidadá no Concello no ano 2022. Concédense un total de 40 subvencións a outros tantos proxectos presentados polas asociacións. As actividades subvencionadas son de diferentes tipos: desde a celebración de actividades relacionadas co ciclo festivo: Entroido, Maios, San Xoán, Magosto, Samaín ou Nadal, a semanas culturais, andainas, excursións ou concursos, entre outras.



