A Xunta de Goberno Local tamén deu o visto e prace a outras catro licenzas urbanísticas na súa sesión ordinaria
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou conceder 5 licenzas urbanísticas na súa sesión ordinaria desta semana, que se desenvolveu a mediodía de hoxe no salón de plenos.
Por unha banda, deu o visto e prace ao proxecto da Fundación San Rosendo para levar a cabo a rehabilitación de dous edificios situados nos números 3 e 5 da avenida de Pontevedra, (antigos almacéns La Verdad e Café Victoria, respectivamente), que se destinarán a residencia da terceira idade e apartamentos tutelados. O proxecto ten un orzamento de execución material de 1.372.777,49 euros.
Na mesma sesión, a xunta local concedeu as licenzas para instalar un ascensor nun edificio na pasaxe de Valle Inclán, e para substituír e ampliar outro nun inmoble da avenida das Caldas. Tamén deu o visto e prace á legalización e ao remate das obras de reforma para a apertura dun local destinado a uso comercial na rúa Antonio Puga, e concedeu a licenza para a demolición dun edificio na rúa Marcelo Macías.



