HomeOurenseO Concello de Ourense ampliará a súa programación de carreiras populares cunha...

O Concello de Ourense ampliará a súa programación de carreiras populares cunha nova media maratón

- Anuncio -spot_img

O alcalde avanza que a proba, de 21 km, dará resposta á demanda deportiva cun percorrido homologado, probablemente pola contorna do río Miño (estradas de Alongos e Os Peares).

“É unha zona dunha beleza tremenda pola súa frondosidade; é como correr nun túnel de árbores á beira do río”, subliña  Pérez Jácome

O Concello de Ourense ampliará a súa programación de carreiras populares cunha nova media maratón, sobre unha distancia de 21.097 metros. Así o anunciou esta mañá o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, quen explicou que esta proba dará resposta á demanda dos e das deportistas da cidade, cunha extensión superior á de propostas como o circuíto Correndo por Ourense (entre 5,6 e 7,2 km) ou á emblemática Carreira de San Martiño (10 km). “Temos a carreira máis importante, prestixiosa, populosa e antiga de Galicia, que é a San Martiño, ou o circuíto Correndo por Ourense, ao que incorporaremos proximamente novidades; pero sumaremos unha media maratón, que realmente é unha demanda dos e das deportistas”, manifestou o rexedor.

O goberno municipal aposta por un trazado por asfalto para permitir a súa homologación oficial. Segundo avanzou o alcalde, estúdase como posible itinerario a contorna do río Miño, concretamente as estradas de Alongos e Os Peares. “É unha zona dunha beleza tremenda pola súa frondosidade; é como correr nun túnel de árbores á beira do río”, destacou Pérez Jácome. Ao transcorrer por outros termos municipais, o Concello iniciará as negociacións necesarias coas administracións lindeiras para coordinar o paso da proba.

En canto ao calendario, a organización valora a primavera, co obxectivo de non interferir nin aproximarse excesivamente á data da San Martiño. Con esta nova media maratón, Ourense reforzará a súa oferta de atletismo, consolidando a súa posición como referente en Galicia das  carreiras populares, neste caso cunha ruta que supón exactamente a metade do percorrido dunha maratón completa.

Publicacións Relacionadas