- Rúas como Valle Inclán, Arturo Pérez Serantes e tramos de Bedoya ou Bos Aires deixarán de ter tráfico rodado este venres.
- A medida forma parte da implantación da nova Zona de Baixas Emisións (ZBE) Ourense Centro.
O Concello de Ourense lembra á cidadanía que este venres, 26 de decembro, entrará en vigor a nova configuración de mobilidade da Zona de Baixas Emisións (ZBE) Ourense Centro. A partir desa data, diversas vías neurálxicas da cidade pasarán a ser peonís, restrinxindo o acceso ao tráfico motorizado para priorizar o tránsito peonil e a redución de emisións.
As rúas que se transforman en espazos peonís a partir do día 26 son as seguintes:
- Rúa Valle Inclán: pasa a ser peonil con plataforma única.
- Arturo Pérez Serantes: convértese integramente en rúa peonil.
- Avenida de Bos Aires: peonalízase o tramo desde a rúa Concordia ata Bedoya.
- Rúa Cardeal Quevedo: tramo peonil desde o Parque de San Lázaro ata a Avda. da Habana.
- Rúa Bedoya: será peonil no tramo entre o Parque de San Lázaro e o cruzamento con Ramón Cabanillas.
- Parque de San Lázaro: peonalízase o lateral entre a rúa Concello e Bedoya (as paradas de taxi e autobús serán reordenadas).



