HomeOurenseO Concello de Ourense planta á Xunta na inauguración da pasarela do...

O Concello de Ourense planta á Xunta na inauguración da pasarela do Barbaña en protesta pola súa “nula ambición e investimentos de pouco calado”

- Anuncio -spot_img

O goberno municipal do Concello de Ourense declinou a súa asistencia ao acto de inauguración do segundo tramo da senda peonil e a nova pasarela sobre o río Barbaña, organizado pola Xunta de Galicia. Esta decisión responde á falta de resposta do executivo autonómico ante as reiteradas advertencias de falta de seguridade e a unha política de infraestruturas que o Concello cualifica de “desprezo sistemático” cara á cidade.

Inseguridade e falta de salubridade

O Concello solicitou hai meses a adopción de medidas correctoras urxentes no espazo xerado baixo a nova pasarela. En concreto, requiriuse a instalación dunha malla metálica para impedir o acceso á dita zona, evitando así que se converta nun foco de insalubridade ou nun punto de risco para a seguridade cidadá. Ao non ter sido atendida esta petición básica, o Concello considera unha irresponsabilidade participar na posta en marcha dunha infraestrutura defectuosa desde a súa orixe.

“Pouca ambición e menos investimento”

Esta ausencia é, ademais, unha denuncia pública contra a estratexia da Xunta en Ourense, definida polo goberno local baixo o principio de “pouca ambición e menos investimento”. O Concello critica que a administración autonómica impoña obras que:

  • Carecen de demanda social: Priorízanse sendas con escaso tránsito mentres se ignoran as verdadeiras necesidades de mobilidade dos ourensáns.
  • Execútanse sen consenso: A Xunta actúa de costas ao Concello, informando minimamente de proxectos xa pechados que non admiten melloras ou alternativas máis interesantes, como ocorreu na Avenida das Caldas.
  • Presentan acabados deficientes: O Concello tacha de “chapuzas” execucións como a reforma do Pavillón dos Remedios, que presenta grandes deficiencias tras a súa finalización. Mantementos que non se executan de xeito ordinario en tempo e forma e que despois requiren de actuacións que eles definen como de extraordinarias.

Un agravio comparativo histórico

O goberno municipal sinala o agravio comparativo que sofre Ourense respecto a outras cidades galegas. Mentres no Estadio do Couto o investimento apenas alcanza os 2,5 millóns de euros, obsérvase como a Xunta destina partidas multimillonarias para infraestruturas culturais noutras urbes.

Exemplos desta política “low cost” son a polémica intervención na Avenida de Marcelo Macías ou o proxecto da Avenida Otero Pedrayo, onde a Xunta optou por unha solución superficial cando a cidade demandaba unanimemente o soterramento do vial. A reducción de carrís na conexión da Nacional 525 coa Avenida de Zamora moi por debaixo das expectativas da cidade, insuficiente e que compromete os futuros desemvolvementos  urbanísticos da zona.

“Non podemos ser cómplices dunha política de parches e fotos oficiais mentres Ourense recibe as migallas do investimento autonómico con proxectos que ninguén pediu e que, para colmo, están mal executados”, conclúen fontes municipais.

Publicacións Relacionadas