- A proba celebrarase o vindeiro 1 de xaneiro ás 12:30 horas, cun percorrido de 3,3 quilómetros ata a igrexa de Castro de Beiro.
- Como é tradición, a participación é libre e as persoas asistentes serán recibidos cunha chocolatada e brinde de aninovo ao finalizar.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xunto cos concelleiros Aníbal Pereira e Armando Ojea, acompañaron esta mañá no Salón de Plenos a Saturnino González Novoa para presentar oficialmente a 33ª edición da Subida á Costiña de Canedo. Esta emblemática cita supón o arranque oficial do calendario deportivo da cidade para o novo ano.
Unha tradición aberta a todos
A proba terá lugar o xoves 1 de xaneiro de 2026, con saída programada ás 12:30 horas. Trátase dunha convocatoria aberta a toda a cidadanía na que poden participar persoas de todas as idades, xa sexa a pé ou en bicicleta.
Unha das características principais desta cita é a súa espontaneidade e facilidade de participación, xa que non é necesaria inscrición previa. O percorrido, de 3,3 quilómetros, estenderase dende a boca do túnel ata a igrexa de Castro de Beiro.
Saturnino González Novoa, organizador e alma mater desta iniciativa, definiu a carreira durante a presentación como un auténtico “autotest” para os participantes, sendo o primeiro reto físico e persoal do ano nada máis comezar o 2026.
Ao finalizar o ascenso, a organización manterá a habitual recepción festiva para todos os participantes na contorna da igrexa de Castro de Beiro, onde se servirá unha chocolatada e champaña para brindar polos bos desexos do novo ano nun ambiente de convivencia e deporte.
Detalles da actividade:
- Data: 1 de xaneiro de 2026
- Hora: 12:30 horas
- Percorrido: 3,3 km (Saída: boca do túnel – Meta: igrexa de Castro de Beiro)
- Inscrición: Gratuíta e sen rexistro previo



