HomeOurenseO Concello de Ourense reivindica o papel das mulleres como xestoras do...

O Concello de Ourense reivindica o papel das mulleres como xestoras do cambio no acto institucional do 8M

- Anuncio -spot_img

A concelleira Noa Rouco deu lectura ao manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias por esta celebración

O salón de plenos acolleu esta mañá o acto institucional do Concello de Ourense con motivo do Día Internacional das Mulleres. A concelleira de Igualdade, Noa Rouco, en presenza do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, representantes dos grupos políticos (DO, PP e PSdeG-PSOE), Garda Civil, Policía Local, Bombeiros e outros servizos municipais, procedeu á lectura do manifesto oficial da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para este 2026. O texto destaca a necesidade de esixir unha igualdade real de dereitos e unha xustiza que permita ás mulleres e ás nenas facelos valer e desfrutalos plenamente.

Baixo o lema “As mulleres, xestoras do cambio”, a declaración institucional puxo en valor o traballo das mulleres que, desde postos de responsabilidade ou equipos técnicos, sosteñen a administración local. Durante a lectura, Noa Rouco lembrou que, aínda que as mulleres ocupan máis do 42% das concellerías nos municipios galegos, só o 22% exercen como alcaldesas. O manifesto incide en que non pode haber unha democracia real sen paridade.

O acto concluíu reafirmando a necesidade de seguir defendendo o feminismo como un movemento indispensable para combater todas as formas de desigualdade, discriminación e violencia. A lectura subliñou que a experiencia das mulleres como xestoras é determinante para afrontar desafíos actuais do municipalismo, como a xestión dos fondos Next Generation EU ou a cohesión territorial de Galicia. “Cando unha muller avanza, ningún home retrocede. Cando unha muller avanza, todas dan un paso á fronte”, remata o manifesto.

O acto de hoxe forma parte da programación de actividades que organiza o Concello no marco do 8 de marzo, como a Carreira da Muller, obradoiros, actividades para o público escolar ou a exposición colectiva de artistas ourensás que abrirá as portas o día 17 na Sala Valente. A axenda completarase o 25 de marzo coa entrega do Premio Clara Campoamor, que pechará un programa que busca a visibilización e a sensibilización cidadá.

Publicacións Relacionadas