O Concello de Ourense informa da reposición dos farois históricos situados na rúa Curros Enríquez, unha vez finalizados os traballos de restauración.
Esta actuación, que se inscribe no compromiso municipal coa conservación do patrimonio urbano, céntrase nuns farois que posúen un valor especial por estar acaroados á Torre de Ourense (actual Hotel Barceló), un edificio senlleiro da cidade e un dos fitos máis importantes da arquitectura ourensá do século XX.
A intervención levada a cabo tivo como obxectivo a completa restauración destes elementos de iluminación e supuxo un investimento de 31.156,29 euros. A reposición contribúe á mellora da estética da contorna e asegura a protección e permanencia destes bens patrimoniais.
A Torre de Ourense é un dos edificios máis emblemáticos da cidade e un referente da súa modernización no século XX.
Foi proxectada polo coñecido arquitecto Antonio Alés Reinlein e construída na década dos sesenta. Con dezasete alturas, foi pioneira en Ourense pola súa concepción e o seu deseño moderno, rompendo coa arquitectura tradicional da época. O edificio foi concibido con múltiples usos desde o principio, albergando o histórico Hotel San Martín (actual Hotel Barceló) ademais de oficinas e outros servizos.
Desde a súa construción, cambiou a silueta urbana ourensá, converténdose nun símbolo da arquitectura moderna da cidade.
A conservación dos elementos patrimoniais que a rodean, como os farois agora restaurados, pon en valor a importancia desta zona central da cidade.



