HomeOurenseOurenseO Concello de Ourense solicitaralle autorización á Subdelegación para a vixilancia non...

O Concello de Ourense solicitaralle autorización á Subdelegación para a vixilancia non uniformada

- Anuncio -spot_img

A medida busca evitar a identificación de vítimas de violencia de xénero polas medidas de protección que se lles proporciona

O concelleiro de Servizos Sociais, Telmo Ucha, amosou na xunta de área celebrada esta mañá os datos do censo das persoas sen teito que viven na cidade ante as demandas dos grupos da oposición. En total, son 11 persoas.

Algunhas destas persoas, que xa foron usuarias do Fogar do Transeúnte, tiveron que ser expulsadas por problemas de convivencia con outros usuarios do centro. Outras, sen embargo, malia a contar coa axuda do Concello na procura dun teito, rexéitana e prefiren vivir na rúa. Todo isto fai que agora mesmo existan prazas libres no Fogar do Transeúnte, pois “non se pode obrigar a ninguén a estar nun lugar contra a súa vontade”, afirma Telmo Ucha.

Respecto ao programa VioGen, o concelleiro puxo en coñecemento dos grupos que proximamente se ía convocar a xunta de seguridade local cun único punto na orde do día: autorizar que se poida prestar o servizo de custodia e protección das vítimas de xeito non uniformado. Esta medida xa se está aplicando nas outras grandes cidades galegas e ten como fin evitar estigmatizar as vítimas de violencia de xénero.

Outro asunto tratado nesta área garda relación coa vixilancia dos parques caninos, nos que o goberno está estudando a instalación de cámaras, entre outras medidas, como a vixilancia non uniformada, para o cal será precisa autorización da Subdelegación de Goberno, coma no suposto anterior, no que aínda non foi concedida.

Por último, anuncióuselles aos diferentes asistentes á área que se está estudando a posibilidade de construír un novo centro de protección de animais, tendo como posible novo emprazamento, entre outros, o das Madornas, en Castro de Beiro.

Publicacións Relacionadas