O alcalde, Gonzalo Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, recibiron hoxe a José Paz, o novo presidente da entidade que agrupa 280 profesionais
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Infraestruturas e Medio Ambiente, Francisco Lorenzo, mantiveron unha xuntanza de traballo esta mañá no Concello con José Paz, presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense. O encontro serviu como presentación institucional do novo presidente da entidade e para establecer as bases dunha futura colaboración entre ambas institucións.
Durante a recepción, o rexedor salientou a importancia deste colectivo, que agrupa a 280 profesionais na provincia. “Falamos basicamente de colaborar en campos como a xardinería, o coidado do rural e proxectos de diverso tipo, como o de realzar as catro denominacións de orixe cun museo do viño, ou o de plantación de árbores na cidade”, explicou Gonzalo Jácome. O alcalde amosouse sorprendido pola alta cifra de profesionais que agrupa o colexio e asegurou que “é un pracer abrir as portas a un colectivo tan importante”.
Pola súa banda, o presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas, José Paz, expresou a disposición total do colectivo para colaborar co Concello. “Queremos participar na vida social; entendemos que a colaboración coas administracións públicas é algo básico e gústanos ofrecer o noso apoio en todo o que poidamos”, manifestou. “Somos un colectivo vivo, apegado ao rural, pero toda a cidade ten zonas verdes onde podemos actuar, así como colaborar en materia de prevención de incendios ou xeotermia. Creo que hai vías de colaboración claras co Concello de Ourense e queremos facelo”.



