O Concello entrega a The Tetas´ Van o Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades

adminON
Lectura mínima de 2

O Concello de Ourense fixo entrega esta tarde do XVIII Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades, ao grupo musical feminista The Tetas´ Van, nun acto que tivo lugar no Liceo, ao que asistiron o tenente de alcalde, Armando Ojea, e a concelleira de Igualdade, Noa Rouco.

O xurado do certame, en reunión mantida o día 19 de marzo, acordou por unanimidade concederlle o galardón deste ano ao grupo ourensán “por reunir os requisitos recollidos nas bases do premio, xa que esta formación, ademais da súa colaboración e participación nos actos realizados en relación coa igualdade de oportunidades e de trato entre mulleres e homes, parodian temas musicais con letras reivindicativas dos dereitos das mulleres e do feminismo. O grupo colleitou desde os seus inicios en 2011 un grande éxito que a día de hoxe se traduce no feito de ser un dos principais grupos feministas do panorama musical galego”, sinala.

O xurado estivo formado por Noa Rouco Ferreira, concelleira de Igualdade; María Elena De Jesús Rodríguez, directora do Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) de Ourense; María José González Outumuro, traballadora social do Grupo de Orientación Familiar (GOF) e representante da Comisión de Violencia; Sofia Valentina Rodríguez Quintela, da Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES), en representación do Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes; Francisco Gallego González, en representación do ámbito social da igualdade de oportunidades e Elena Cid Muñoz, funcionaria da Concellería de Igualdade, que actuou como secretaria.

Comparte este artigo