O Concello de Ourense executará este sábado, 3 de decembro, traballos de acondicionamento parcial do firme na rúa Ramón Puga, na contorna da Residencia, no tramo comprendido entre a glorieta e a rúa Regueiro Fozado. O Concello prevé rematar as obras no mesmo día, aínda que nos seguintes realizaranse actuacións complementarias.
A execución das obras requirirá restrinxir os accesos á rúa Ramón Puga dende a rúa da Marquesa, dende a glorieta de Berrocás e dende a rúa Serra de San Mamede, de xeito que só estará permitido o acceso a residentes, vehículos de emerxencia e autobuses urbanos.
Por outra banda, no sentido de circulación dende a rúa da Saínza, estará permitido o acceso de vehículos en xeral, aínda que estará sometido a posibles retencións que se poidan producir durante a execución das obras, especialmente as situadas na zona da glorieta da Residencia, polo que se recomenda non circular por esta parte da rúa -salvo que sexa estritamente necesario-.
Mentres duren as obras, non se poderán estacionar vehículos nesa zona. O Concello solicita desculpas polas molestias que poida ocasionar a execución destes traballos.



