O proxecto inclúe unha cancha multideporte, a renovación das áreas infantís e unha reordenación do aparcamento para gañar prazas
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou este mediodía o expediente para contratar as obras de reforma e mellora da Praza Daniel González. Cun investimento de 1.194.470,88 euros e un prazo de execución de 9 meses, o proxecto ten como obxectivo levar a cabo unha reforma integral para a posta en valor deste espazo de lecer, no barrio das Lagoas, e mellorar a accesibilidade de toda a contorna.
Equipamentos. O proxecto contempla a incorporación de novos elementos de lecer e deporte, entre os que destaca a creación dunha cancha multideporte na parte central da praza, así como novos xogos infantís inclusivos e elementos de ocio compartido. Estas dotacións completaranse cunha renovación do mobiliario urbano e a instalación dunha nova rede de alumbrado público.
Mellora da accesibilidade e do firme. O proxecto presta especial atención á mellora da accesibilidade, mediante o rebaixe de beirarrúas, o uso de pavimentos diferenciados e a instalación de mobiliario adaptado. Así mesmo, procederase á rehabilitación do firme das aceras, tanto na propia praza como na súa zona de influencia, debido ao avanzado estado de deterioración que presentan actualmente.
Espazos verdes e optimización do aparcamento. No ámbito medioambiental, procederase á reposición do arborado e á ampliación dos alcorques nas zonas de viario. Finalmente, o proxecto recolle unha reordenación do aparcamento, coa finalidade de optimizar o trazado actual para incrementar o número de prazas de estacionamento dispoñibles sen variar a superficie destinada a tal fin.



