O alcalde, Jacobo Pérez, mantivo unha reunión con profesionais do sector cuxos negocios se atopan na contorna do espazo no que se acometerá a actuación, que dará comezo nos vindeiros días e que non afectarán aos actos e días festivos da Semana Santa
Pérez Gulín, que tamén mantivo encontros con residentes para explicar os pormenores do proxecto, agradece a comprensión e lembra que esta actuación completará, xunto á mellora da Carreira, a completa transformación dun enclave chave no casco urbano
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, mantivo esta semana unha reunión con profesionais da Concello de Caldas de Reis hostalería cuxos negocios se atopan nas inmediacións do Campo da Torre, para dar conta dos detalles da execución das obras para acometer o proxecto de rehabilitación integral deste enclave, unha das actuacións máis ambiciosas contempladas polo Goberno local para este mandato. Neste encontro, que se suma aos realizados en datas anteriores con persoas residentes nesta zona, o alcalde confirmou que aqueles establecementos afectados polos traballos non terán que pagar a taxa de terrazas durante a duración da actuación. Son arredor de media ducia de locais os que non poderán ocupar espazos no exterior por mor das obras, polo que, tal e como sinala o rexedor caldense, “é de xustiza que non teñan que pagar por un servizo que non van poder prestar durante un tempo determinado”.
Na reunión, Pérez Gulín tamén explicou que o inicio das obras é inminente, pero que en ningún caso afectará á celebración dos actos litúrxicos propios da Semana Santa que se realizan neste emprazamento, nin á actividade durante os festivos. Asemade, ao igual que nas reunións cos veciños e veciñas da zona, o alcalde detallou os pormenores do dispositivo de tráfico que se habilitará durante a execución do proxecto, prevista para uns seis meses aproximadamente. “A actuación vaise realizar por tramos, para dar cumprimento cos requisitos de Patrimonio e para tratar de minimizar ao máximo as molestias a residentes e negocios”, explicou o alcalde de Caldas de Reis. Ademais, Jacobo Pérez tamén se comprometeu a que o Goberno local informará previamente de posibles incidencias, como cortes puntuais de servizos básicos por mor das obras, ás vivendas afectadas. “Estamos moi agradecidos pola comprensión da veciñanza. Somos conscientes das molestias que pode causar unha obra desta magnitude, pero tamén temos claro que esta rehabilitación vai supoñer un antes e un despois nun dos lugares neurálxicos do noso caso urbano”, afirmou o alcalde.
A obra afectará a unha superficie de 2.500 metros cadrados. Cómpre lembrar que o orzamento do proxecto ascende a un total de 764.866,70 euros, IVE engadido. A actuación conta con fondos xestionados a través do Plan Extra da Deputación de Pontevedra. Ademais, o Concello tamén asume parte da contía (uns 200.000 euros aproximadamente) con rescursos propios. A empresa encargada de acometer a obra será Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela Sociedad Limitada.
Licitación de A Carreira
Nestas reunións, Jacobo Pérez tamén adiantou a residentes e hostaleiros que o Concello está a traballar para ultimar a licitación da mellora da Carreira, outra demanda histórica que o Goberno local fará realidade. “Actualmente estamos pendentes de acadar todos os permisos sectoriais para iniciar o proceso de licitación”, indicou Pérez Gulín. Esta mellora viría a completar, xunto ás obras no Campo da Torre, a transformación dunha contorna chave para a vila, cun orzamento total superior aos dous millóns de euros.



