Á vista das medidas de prevención dos contaxios de COVID – 19 recentemente adoptadas pola Xunta de Galicia e publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 16 bis de 26 de xaneiro de 2021, o Concello de Ourense adoptou as seguintes medidas concretas en relación cos cemiterios de titularidade municipal:
1) O horario de peche dos cemiterios municipais adiántase ás 18:00 horas. Aínda que a Orde da Consellería de Sanidade só establece esta limitación horaria para establecementos e locais comerciais e de actividades de servizos profesionais, semella prudente homoxeneizar o horario de peche ao público dos cemiterios co do resto de actividades consideradas non esenciais, co fin de contribuír á limitación da mobilidade social como medida preventiva dos contaxios da COVID 19. Por conseguinte, dende hoxe, día 27 de xaneiro de 2021 e ata o 17 de febreiro de 2021, o horario de acceso público aos cemiterios municipais será o seguinte:
Apertura: 9:00 horas.
Peche: 18:00 horas.
2) Normas para a realización dos enterros: conforme ao apartado 3.3 da Orde da Consellería de Sanidade de 26 de xaneiro de 2021 (DOG nº 16 bis de 26 de xaneiro) a comitiva para o enterramento limitarase ás seguintes persoas:
Un máximo de quince persoas non conviventes (entre familiares e achegados)
Ademais, o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios.
Deberá procurarse manter a distancia de seguridade (1,5 metros entre persoas) e, en todo caso, utilizarse en todo momento a máscara de protección (incluso se se respecta a distancia) As zonas comúns de paso utilizaranse unicamente para o tránsito de entrada e saída. Non se permitirá a formación de grupos de persoas nestas zonas. O tempo de permanencia no cemiterio reducirase ao estritamente necesario para a realización do ritual funerario e a expresión das debidas condolencias, evitando permanecer nas zonas de paso.
3) Visitas aos cemiterios:
Conforme ao apartado segundo do Decreto da Presidencia da Xunta de Galicia 8/2021, do 26 de xaneiro de 2021 DOG nº 16 bis, de 26 de xaneiro) a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, queda condicionada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes. Por conseguinte, a realización de visitas aos cemiterios limitarase aos seguintes casos:
a) Visitas ao cemiterio de persoas soas.
b) Visitas en grupo: só se permitirá o acceso a persoas conviventes.
Para estes efectos, consideraranse tamén como conviventes as persoas que se atopen nos casos excepcionais enumerados no apartado 2 do Decreto da Presidencia da Xunta de Galicia 8/2021 de 26 de xaneiro (persoas que vivan soas pero formen parte dunha unidade de convivencia ampliada, menores de idade cos seus proxenitores aínda que non convivan no mesmo domicilio, persoas con vínculo matrimonial ou de parella que vivan en domicilios diferentes e persoas que coiden, atendan, asistan ou acompañen a menores de idade, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.
Non se permitirá o acceso de grupos de persoas non conviventes.
As visitas aos cemiterios limitaranse ao tempo mínimo imprescindible para a realización de operacións de limpeza ou ornamentación das tumbas.
Non se poderá permanencer nas zonas de tránsito, acceso e saída, evitándose en todo momento a formación de grupos. Os visitantes deberán en todo momento seguir as indicacións do persoal municipal, que poderán limitar temporalmente o acceso no caso de que o número de vistas exceda o aforo dunha persoa por cada 4 metros cadrados de superficie do recinto.