A Concellería de Igualdade do Concello de Ourense pon en marcha unha nova edición do programa Nexos de intervención con mulleres en situación de vulnerabilidade e violencia de xénero. Desenvolverase desde outubro até xuño, con 3 sesións mensuais que se levarán a cabo os xoves, de 10.00 a 13.00 horas, coa participación dun máximo de 15 mulleres por grupo. As persoas interesadas poden obter máis información na Concellería de Igualdade, na rúa Vasco da Ponte, 1, baixo, no teléfono 988393191, ou a través do correo electrónico concelleriamuller@ourense.es
O programa leva anos realizándose na Concellaría de Igualdade – Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) e ten a finalidade de achegar un espazo para as mulleres que actúe como nexo de unión entre elas e a contorna social máis próxima, incidindo naquelas áreas deficitarias a nivel persoal, familiar e social para poder axustar mellor a súa situación e prestarlles así un servizo máis particular, eficaz, eficiente e de calidade.
Entre as temáticas máis traballadas están as relacionadas coa violencia de xénero, coa vivencia de cada muller coas súas propias circunstancias, coa comunicación e a resolución de conflitos etc. Para iso conta tamén coa colaboración de profesionais externas, especialistas en terapia do reencontro, de traballo corporal e de Técnicas de relaxación, entre outras.

