O Concello de Ourense, desde a Concellería de Infraestruturas, está a desenvolver un plan de actuacións para a mellora da mobilidade en pasos peonís de diferentes rúas da cidade, cun investimento total de 263.958,66 euros. Estas obras reforzan o compromiso do Concello coa accesibilidade universal e a seguridade viaria. As actuacións non só melloran o tránsito para persoas con mobilidade reducida, senón que tamén buscan facer máis visible a presenza dos peóns aos condutores, especialmente nos cruzamentos das rúas.
Recentemente, o Concello executou as obras de mellora dos rebaixes de bordo nas beirarrúas da intersección das rúas Ervedelo e Velázquez, no barrio do Couto, cun investimento de 44.857,35 euros. Os traballos consistiron na adecuación e ampliación do paso de peóns nas zonas de esquina, para mellorar a mobilidade e a visibilidade.
Tamén no barrio do Couto, o Concello está a executar traballos de similares características noutros dous puntos: na intersección das rúas Zurbarán e Picasso, cun investimento de 30.806,53 euros, e na confluencia das rúas Zurbarán e Francisco de Moure, cun orzamento de 41.035,89 euros.
Paralelamente, están en marcha as obras de mellora do paso de peóns da rúa Díaz de la Banda, nas proximidades da glorieta da Policía Nacional. A obra, que ten un orzamento de 31.568,95 euros, consiste na elevación e adecuación do paso e a reparación das escavas da rúa.
Realizacións inminentes
O programa de actuacións que desenvolve a Concellería de Infraestruturas continuará no barrio de Vista Fermosa, con intervencións en dúas rúas. En Poeta Manuel Antonio adaptarase e ampliaranse os pasos de peóns para mellorar a accesibilidade e a visibilidade dos viandantes, cun investimento de 48.837,93 euros. En Xoán Vicente Viqueira, os traballos, orzamentados en 17.948,50 euros, consistirán na execución dunha beirarrúa para eliminar as escaleiras existentes e mellorar a accesibilidade.
Ademais, o Concello xa está actuando na confluencia da rúa da Canle con Roi Páez, Sandiás e Ricardo Courtier, neste caso coa adecuación e ampliación dos pasos peonís para mellorar a accesibilidade peonil. Este proxecto ten un orzamento de 48.885,51 euros.