HomeOurenseO Concello modificará as bases das axudas a entidades sociais para evitar,...

O Concello modificará as bases das axudas a entidades sociais para evitar, na medida do posible, que proxectos queden fóra por falta de crédito

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ourense cambiará para o próximo ano as bases da convocatoria de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais, coa finalidade de que, na medida do posible, non quede fóra desta liña de axudas ningún proxecto que cumpra os requisitos da convocatoria por falta de crédito. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, ao inicio do pleno ordinario do Concello.

O Concello de Ourense aprobou esta semana a resolución na que, a través dun procedemento de concorrencia competitiva, outorga axudas, por importe de 323.262,53 euros a 20 asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais. O alcalde lembrou que as bases e o procedemento son basicamente os mesmos que en anos anteriores, e esta situación de quedaren proxectos fóra, xa se tiña producido.

“O procedemento é por concorrencia competitiva e os técnicos da casa son os que deciden”, sinalou Pérez Jácome, quen explicou que “as partidas non son infinitas, polo que é normal que nunha concorrencia competitiva só gañen algúns”. O alcalde subliñou que este procedemento vense desenvolvendo “desde hai décadas”, tamén durante as etapas de goberno de PSdeG-PSOE e BNG, e de PP no Concello. “Apenas tocamos as bases”, sinalou o rexedor, quen engadiu que “nunha concorrencia competitiva sempre hai entidades sociais que quedan fóra. Nunca BNG e PSOE lle deron axudas ao 100% das entidades, tampouco o PP”, concluíu. Porén, o alcalde avanzou que o goberno municipal, no contexto actual, entende conveniente modificar as bases para a próxima convocatoria, a do ano 2023, para chegar ao maior número de entidades e proxectos posible.

Publicacións Relacionadas